jueves, 18 de abril de 2024

XOVES 18 de ABRIL do 2024

Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir ao noso primeiro convidado: MASITO BEIRÓ, Pintor de Padrón, grande amigo e colaborador noso. Parabenizámolo porque un dos seus traballos foi elixido para ser publicado no cupón da ONCE o mesmo día 26 de marzo pasado. É unha honra para tódolos galegos que sexa a representación da Festa da Pascua de Padrón, debuxada por Masito. Ademais doutras facetas de moita colaboración e participación na vila, Masito forma parte, como padroeiro da Fundación Rosalía de Castro, dende moi novo. O seu altruismo e humildade é unha mostra do bon facer que sempre amosa. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.

Escoitamos outro bocadiño de música e poñémonos en contacto coa poeta e filóloga Valguesa BELÉN SENÍN SANTIAGO, a que parabenizamos tamén, por ser a gañadora do "XVIII PRemio de Poesía Díaz Jácome" de Mondoñedo, polo seu poemario "A Culpa". Fálanos dese traballo que está moi centrado nas figuras de Eva, Pandora e Lilith, afondando no amor, o existencialismo e o feminismo. Mantemos unha conversa arredor da súa creatividade e escrita. Xa publicou outro pequeno conxunto de poemas e segue a traballar nesa teima creativa. Tamén participou en varios recitais poéticos, destacando un que realizou en Lisboa. Desexámoslle que teña moitos éxitos.

A seguinte convidada é ANA VILA PORTOMEÑE, a Poeta Labrega, que nos recibe moi amablemente e fálanos da "II RURALSÍA TABOADA", que teñen previsto realizar o vindeiro domingo día 21 no Pazo de San Pedro de Bembibre, onde terán unha grande participación de poetas nun magno Recital poético, con sorpresas moi interesantes. Tamén haberá unha mostra-exposición de arte. Tivemos unha pequena interrupción ao cortarse a comunicación, pero recuperámola e agasállanos coa lectura dun seu poema adicado á nosa Radio e ao noso programa concretamente. ¡Moitas Grazas, Ana! seguiremos en contacto.

Falamos, a continuación con FERNANDO, do CELTAGAL, unha explotación galega de Porco Celta e vaca Cachena. Fálanos de cómo foron os comezos, cómo está a traballar para levar adiante esta recuperación de razas autóctonas galegas que coida con moito interese e dedicación. A súa charla está chea de engado e con moito énfase. Amósanos o moito que se implica para poder ofrecer uns produtos de primeira calidade completamente naturais e coméntanos que está a traballar para ofrecer novidades importantes, sempre relacionadas co mellor servizo e trasparencia. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexamos que teña moito éxito nesa empresa.

Comunicámonos con CARLOS PAVÓN, da Asociación "Ribeira Cervantega", que nos pon ao corriente do que están a facer para poder revitalizar o rural onde se atopan, que o río Cervantes se recupere e que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico tome conciencia do que se precisa para que ese río troiteiro teña un desenvolvemento limpo e que non volva a ter desbordamentos, como o que sucedeu non hai moito tempo. Teñen previsto realizar unha Festa no verán, coincidindo coa chegada de veciños que viven noutras localidades, para que se podan levar a cabo moitas actividades. Desexamos que teñan moito éxito.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa completo.

jueves, 11 de abril de 2024

XOVES 11 de ABRIL do 2024

Unha emisión máis do "Galegos no BAIX. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións, escoitamos unha peza musical e poñémonos en contacto coa primeira convidada, MARTA GONTÁ, voceira da PLATAFORMA ULLOA VIVA, que nos pon ao corrente das reivindicacións e propostas de actuación que están a levar a cabo para informar e dar a coñecer ese proxecto de posta en marcha dunha macro-celulosa nun espazo natural cheo de riqueza e que pretende ocupar unha extensión moi grande, e utilizar moitísima auga do rio Ulloa, que contaminará toda a zona ata chegar á Ria da Arousa. Próximamente achegaranse a Bruxelas para solicitar que ese proxecto non siga adiante. Convida a tódolos nosos oíntes e seguidores que lles envíen unha carta de adhesión que teñen na páxina da Plataforma, que seguro servirá para axudar a que non se leve a cabo esta obra. Seguiremos en contacto, agradecémoslle a súa aportación e desexamos que teñan moito éxito.

Continuamos o programa conectando con dona ASUNCIÓN, da Asociación Veciñal Bubaíño de Castro Carballedo, que teñen programada a "XXI FEIRA DA CARNE AO CALDEIRO", precisamente de Carballedo, para o próximo domingo día 14, onde se degustarán máis de mil kilos de carne de tenreira cocida con leña de carballo e que calculan servirán nada menos que tres mil racións. Terán como pregoeira deste evento á actriz María Vázquez, gañadora dun Goia este ano, como mellor interpretación femenina por Matria. Tamén contarán con música da "Charanga Unión Phenosa", para amenizar o xantar. Desexamos que disfruten desta feira gastronómica.

Recibimos a crónica do noso correspondente, dende Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? na que nos fai partícipes das súas noticias e informacións escollidas, mediante os seus "Me Ghustan e Disghústanme", e acaba cos seus apuntes da "libretiña pequena" que veñen acompañados de certa retranca galega chea de engado.

E finalizamos o programa entrevistando a don GONZALO CONSTENLA BERGUEIRO, Profesor, Escritor e responsable do "aRi(T)mar Galiza e Portugal" que é un proxecto educativo cultural moi importante. Fálanos da súa traxectoria e de próximos eventos, precisamente a repetición da última Gala en Braga (Portugal) onde se realizarán varios acontecementos moi interesantes. Agradecémoslle a súa participación.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa enteiro.

jueves, 4 de abril de 2024

XOVES 4 de ABRIL do 2024

Outra emisión máis deste noso programa con música, noticias e entrevistas interesanes. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e escoitamos unha primeira peza musical para recibir ao primeiro convidade de hoxe: ALBERTE MONTES, Actor, Monologuista, Director, Guionista... Recibímolo dándolle os nosos parabens polo seu traballo e tamén porque ten previsto realizar unha intervención no Centro Galego de Barcelona, esta misma fin de semana, concretamente o sábado. Un espectáculo que titula: "Bueno carallo Bueno". Convida a tódolos nosos oíntes e seguidores a que se acheguen para disfrutar con el. Seguro que se divertirán. Desexamos que teña moito éxito.

Despedímolo con música, outra vez, e voltamos a escoitar outra peza musical, esta vez unha de Carlos Núñez, "Aires de Pontevedra", para recibir á segunda participante, dona CHARO VALCÁRCEL, Profesora xubilada, Licenciada en Filoloxía e Poeta. Agradecémoslle a súa participación e aproveitamos para felicitala polo traballo que veñen realizando no "De Vella a Bella", en Pontevedra. A publicación nas redes da súa revista dixital número 32, do mes pasado... E tantas cousas. Eles mesmos se definen, na súa páxina (devellabella.com), describíndose deste xeito: somos un grupo de persoas que pensan que a xubilación pode ser unha das etapas máis activas e creativas da vida... e neso están. Aproveitando que falamos de poesía, pedímoslle que nos lea-declame un dos seus poemas, e agasállanos cun poema adicado aos nenos palestinos. ¡Moitísimas grazas Charo! Foi un pracer e unha honra.

Despois de escoitar outra peza musical, neste caso a que foi premiada no aRi(T)mar: "Morena" do Grupo "De Ningures", conectamos con Galicia para recibir ao noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que sempre a desenrola cos seus "Ghústanme e Desghústanme" escoillidos entre as diferentes noticias galegas. Despois deixanos unhas frases recollidas na súa "Libretiña pequena" e algunha que comparte coa fraseoloxía publicada por Xosé Antonio Pena Romay. Sempre lle estamos agradecidos pola súa grande colaboración e participación.

Despois de escoitar unha peciña de música interpretada por Efrain Díaz, co "Pito Galego", poñémonos en contacto con MIGUEL MOSQUERA, Luthier, artesano deste mesmo instrumento: O Pito Galego. Mantemos con el unha pequena conversa-entrevista na que nos pon ao corriente do seu traballo de investigación e elaboración dese tradicional instrumento galego que tivo unha grande repercusión na música tradicional e que estivo un tempo moi esquecido e pouco valorado, pero hoxe en día está tendo moita repercusión e bastante posta en valor, tanto é así que o Pito Pastoril Galego empregouse para interpretar a primeira obra composta para Pito Pastoril Galego cunha Orquestra de música Clásica: "O bosque do asubiador, de Juan Durán". E despedímolo escoitando outra obra interpretada por Efren cun Pito Galego e a zanfona de Ivan Costa: Pitanfona. Agradecémoslle a súa participación e desexámoslle moitos éxitos.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Que teñan unha feliz semana.

Deixamos a quí o programa enteiro.